Socialización lingüística

Desde a infancia aprendemos en contacto cos que nos rodean a gramática das nosas linguas e a utilizalas segundo a situación e cos nosos interlocutores e interlocutoras. Tamén aprendemos que valores están asociados ás linguas, aos acentos, ás palabras e ás entoacións, e con isto podemos anticiparnos a como se nos vai xulgar pola nosa forma de falar. Porén, isto non significa que a socialización sexa un proceso ao que se chega a unha determinada idade ou etapa da vida. Pola contra, continúa ao longo da vida, e plasmarase nunha morea de instrucións lingüísticas cargadas de valores sociais e culturais aos que nos enfrontaremos no día a día. Primeiro na familia, onde non é raro que se nos dirixan frases como “paréceche normal que fales así”, e máis tarde na escola, cando nos ensinan que lingua debemos falar e cal se emprega só na casa, “na escola só se fala castelán, na casa falas árabe”. Se mudarmos de país teremos que resocializarnos e é posible que a lingua que aprendemos, que era a variedade de prestixio, non o sexa no novo contexto. Así, a nosa forma de falar pode ser considerada un vulgarismo, unha desviación ou mesmo un delito, como no caso daqueles pais latinos que son denunciados polo posible prexuízo que lles ocasiona aos seus fillos o falárenlle castelán en lugar de inglés. Como mostran estes exemplos, a nosa socialización ocorre simultaneamente “na” e “a través” da lingua e do discurso.

Na investigación de EquiLing

  • Reflexionamos coas persoas co-participantes sobre as chaves da súa socialización lingüística: que linguas, valores e normas de adecuación aprenderon, como se imbricaron nas súas traxectorias vitais -por exemplo, se cambiaron de cidade e/ou de país- e que consecuencias tivo isto para a súa participación na sociedade e a súa imaxe.
  • Ao longo desta reflexión, xeramos colaborativamente outros valores, normas e ideoloxías lingüísticas.

Para saberes máis

Duff, P. A. (2010). Language socialization. En S. McKay & N. H. Hornberger (Eds.), Sociolinguistics and language education (pp. 427-452). Multilingual Matters.

Ochs, E.  & Schieffelin, B. B. (1984). Language acquisition and socialization: Three developmental stories and their implications. In R. A. Shweder & R. A. LeVine Ikeda, E. (Eds.), Culture theory: Essays on mind, self and emotion (pp. 276-320). Cambridge University Press.

A socialización lingüística é o proceso polo cal as persoas pertencentes a unha sociedade ou cultura aprenden e interiorizan un conxunto de competencias, normas, valores e formas de percibir a lingua, que lles proporcionan as habilidades necesarias para participaren nesa sociedade.