Conciencia lingüística crítica

Desde unha perspectiva crítica da educación lingüística e relacionado co desenvolvemento da conciencia lingüística (A), xorde o enfoque denominado Conciencia lingüística crítica (Fairclough, 1999; García 2008; Hawkins, 1984), que se enriquece dos avances científicos impulsados polo proxecto de renovación pedagóxica EVLANG, desenvolvido entre 1997 e 2001 no marco dos programas Socrates Lingua. 

A denominada Conciencia lingüística crítica concibe as linguas como un fenómeno dinámico, máis que un constructo fixo de normas establecidas e aborda os repertorios lingüísticos como prácticas sociais. Deste xeito, enténdense os usos lingüísticos, incluíndo a alternancia e mestura de linguas, como recursos e estratexias dos repertorios que se mobilizan na interacción e, a través dos cales, vanse negociando os significados, identidades e ideoloxías lingüísticas nos discursos. Así, desde esta perspectiva, a análise das ideoloxías e as representacións das linguas cobra unha especial relevancia (Fairclough, 1992).

Algúns dos obxectivos do desenvolvemento da conciencia lingüística crítica no ámbito educativo pódense resumir nos seguintes puntos:

 • Incrementar a capacidade de reflexión sobre a linguaxe, da estrutura e a función tanto da L1 como das diferentes linguas que van ampliando o repertorio plurilingüe das persoas.

  • Desenvolver entre os falantes a conciencia sobre a riqueza da diversidade lingüística e cultural, tanto da aula como da escola, a comunidade e o mundo. Inclúe tanto diversidade de linguas como as variedades de repertorios lingüísticos.

 • Fortalecer as relacións entre os diversos grupos étnicos, desenvolvendo a conciencia (ou reflexión) en cada grupo das súas orixes e as características dos repertorios empregados.

Coa aplicación deste enfoque nas aulas de linguas, os estudantes teñen a oportunidade de discutir, enfrontar, analizar e reflexionar exemplos e repertorios lingüísticos moi diferentes, sobre todo si se persegue levar a cabo unha discusión significativa e crítica (Hawkins, 1992). Estas actividades contribúen a desenvolver a conciencia metalingüística e favorecer que o alumnado valore a diversidade lingüística e reflexione sobre os procesos de cambios sociolingüísticos nos que está inmerso.

Na investigación EquiLing

  • A aproximación didáctica denominada conciencia lingüística é o eixo sobre o que se vertebra a investigación participativa e en co-labor que define a nosa proposta de actividades que se realizan nas aulas.
  • A implementación deste tipo de actividades propicia que afloren prácticas plurilingües e/ou prácticas metapragmáticas, idóneas para explorar desde unha perspectiva émica como os participantes negocian nas súas interaccións as ideoloxías lingüísticas, as súas identidades e a xerarquización policéntrica das linguas e das súas variedades nos novos espazos multilingües do ámbito educativo.

Para saber máis

Fairclough, N. (ed.) (1992). Critical language awareness. London: Longman.

García, O. 2008. “Multilingual language awareness and teacher education”.  En Encyclopedia of Language and Education, editado por J. Cenoz, y N. Hornberger, 385-400. Berlin: Springer

Hawkins, E. W. (1984). Awareness of language. An Introduction. Cambridge: Cambridge University Press.

A conciencia lingüística crítica concibe as linguas como un fenómeno dinámico, máis que como un constructo fixo de normas establecidas e aborda os repertorios lingüísticos como prácticas sociais. No ámbito educativo as actividades deseñadas e implementadas nas aulas están orientadas a desenvolver a conciencia lingüística mediante a discusión, a análise e a reflexión con exemplos e repertorios lingüísticos moi diferentes, de tal modo que permitan levar a cabo unha discusión significativa e crítica.