As persoas temos un repertorio individual de recursos lingüísticos que muda ao longo da nosa vida: as linguas que aprendemos, esquecemos ou somos capaces de recoñecer… porque as nosas capacidades non son iguais en todas as linguas e variedades que forman parte do noso acervo; os acentos que coñecemos e que nos quedan dependendo de con quen esteamos; os rexistros cos que nos diriximos aos demais segundo esteamos falando ou publicando mensaxes nas redes sociais, se nos diriximos a alguén da nosa familia, a un descoñecido maior ou a un/unha colega. Canto máis amplo sexa o noso repertorio, mellor nos adaptaremos ás situacións comunicativas con falantes de diferentes clases sociais, niveis educativos, orixes xeográficas ou grupos de idade.
Na investigación de EquiLing
- Organizamos seminarios con estudantes para explorarmos as súas traxectorias e autobiografías lingüísticas (https://www.coe.int/en/web/portfolio/the-language-biography). Con isto reflectimos sobre a relevancia sociolingüística dos repertorios e analizamos o que significan para nós as linguas e variedades que falamos, as que nos gustaría falar, as que nos fan sentir orgullo ou un pouco de vergoña, en que contextos ou con quen usamos unhas ou outras. Deste xeito, tomamos conciencia das linguas coas que convivimos e reforzamos a nosa cidadanía lingüística.
Para saberes máis
Blommaert, J. & A. Backus. 2012. Superdiverse repertoires and the individual. Tilburg Papers in Culture Studies 24
Blommaert, J. & A. Backus. 2013. Repertoires revisited: ‘Knowing language’ in superdiversity. Working Papers in Urban Language & Literacies 67
Council of Europe: The language biography
Kusters, A. & M. De Meulder. 2019. Language portraits: Investigating embodied multilingual and multimodal repertoires. Quantitative Content Analysis 20:3