A investigación colaborativa ou en co-labor forma parte dun conxunto de modos de investigar en humanidades e ciencias sociais que se orientan a discutir ou revisar a distancia entre as persoas que investigan e as persoas que son investigadas. Insírese nunha longa tradición de deseños de investigación que buscan transformar os contextos que se estudan e que implican, en calidade de axentes de investigación, tanto a profesionais do mundo académico como a outras persoas. Se callar os máis coñecidos son os deseños de Investigación-acción e Investigación-acción participativa.
A pesquisa colaborativa, tal e como a entendemos aquí, é unha investigación comprometida que resulta dunha profunda reflexión sobre un estado de cousas e dun proxecto político-científico para mudalo. Particularmente, no noso caso, parte dos resultados das nosas investigacións que mostran que a desigualdade lingüística, aínda que forma parte das desigualdades sociais, étnicas, de xénero, etc., se materializa dun xeito particular e se reproduce en contextos de socialización lingüística nos que as ideoloxías sobre a lingua dan sentido ás prácticas de discriminación e dominación dun sector da poboación sobre outro.
Este coñecemento sobre as formas en que se lexitima, fai e reproduce a desigualdade lingüística levou á revisión dos supostos epistemolóxicos nos que se basea a investigación tradicional no campo da linguaxe. En particular, as distancias entre quen “informan” os datos e quen os “investigan”, e entre as “prácticas de investigación” e as “prácticas de intervención”.
Así mesmo, os resultados das nosas investigacións demostraron a necesidade de pór en diálogo a axenda de investigación que xorde do futuro das disciplinas coas que traballamos e da axenda das persoas coas que traballamos. É dicir, a diferenza da investigación tradicional, as inquedanzas que orientan os proxectos non xorden exclusivamente das persoas que investigan desde a academia, senón tamén das que traballan connosco. O diálogo entre estas axendas forma parte do proceso metodolóxico que define este tipo de pesquisas.
A investigación colaborativa ou en co-labor é tamén un obxecto de reflexión. Autoras como Xochitl Leyva Solano, Joanne Rappaport, Shannon Speed, Araceli Burguete, Carolina Gandulfo e Virginia Unamuno, entre outras, achegaron elementos para a definición deste tipo de investigacións, particularmente no caso das etnografías colaborativas. En xeral, coinciden nunha definición xeral: enténdese como investigación en co-labor aquel traballo orientado á produción de coñecemento (e á súa transformación) en mans de equipos que integran persoas de distintos colectivos que traballan conxuntamente. Tamén concordan en que se trata dun tipo de traballo que trata de discutir a xerarquización das epistemoloxías e de formas en que se pode producir coñecemento que foron validadas no marco da colonialidade do saber, facer, sentir e pensar.
Esta procura dun traballo investigador que discuta a asimetría e mova posicións tradicionais non sempre é algo cómodo. Máis ben implica tensións, discusións e negociacións. A posta en revisión colectiva dos obxectivos, dos modos de abordaxe, da autoría e da distribución de beneficios (directos e indirectos) da investigación son algúns dos casos nos que adoitan xurdir estas tensións.
Como sinalamos, os intuitos das investigacións son discutidos para consensuar axendas xeralmente diferentes. Isto implica ceder, comprender, articular e buscar un terreo común, o que moitas veces implica abandonar as preocupacións persoais.
Os modos de abordaxe asumen diferentes papeis que non sempre son confortábeis. Por exemplo, no traballo con educadoras e educadores, a distinción entre o papel de quen ensina e quen observa pode ser incómoda e resultar problemática, convidando a unha troca de roles que adoita ser positiva.
A autoría compartida é unha cuestión importante desde o punto de vista da investigación colaborativa ou en co-labor. Implica sumar persoas que tradicionalmente non producen no marco académico para o faceren. Escribir colectivamente un artigo ou participar nun evento científico xunto/as mobiliza moitos supostos e experiencias previas, tanto para quen formamos parte da academia como para quen non. Cales son as formas de escribir ou dicir lexítimas? Por que? Mais tamén pasa por pór en xogo voces que nos inclúan como persoas que formamos parte de colectivos diversos. Isto non é doado, porque desafía as tradicións de escrita académica dominantes que privilexian un suxeito de enunciación impersoal que toma distancia co que investiga.
Por último, a investigación en co-labor ou colaborativa tamén busca revisar a cuestión dos lucros da pesquisa, tanto directos como indirectos. Preguntámonos, así, a quen beneficia o que facemos e como se reparten os réditos entre os distintos colectivos implicados. Isto desafía a investigación tradicional cuxos beneficios directos eran para quen facían a pesquisa (a través da inserción, promoción ou consolidación nunha carreira académica, por exemplo), mais non necesariamente para as outras persoas. O mesmo para os beneficios indirectos.
Nas nosas investigacións, é sumamente importante cuestionar a distinción tradicional entre investigación e intervención. Esta distinción provén da tradición empirista da investigación social e, como sinalamos, vén sendo discutida desde hai tempo. Discutir esta distinción implica cuestionar as formas de producir coñecemento, no noso caso, a forma en que se produce o coñecemento sobre linguaxe e sociedade; é dicir, o coñecemento sociolingüístico. A hipótese é que o traballo en co-labor permite producir un coñecemento máis adecuado sobre os procesos sociolingüísticos que estudamos. Neste sentido, o deseño de actividades colectivas que realizamos xunto coas persoas coas que investigamos e nas cales desenvolvemos roles diversos permite coñecer mellor ao facelo colectivamente.
Para saberes máis:
Gandulfo, C. & Unamuno, V. (2020). Nota metodológica ¿A qué llamamos investigación en colaboración en este libro? En V. Unamuno, C. Gandulfo & H. Andreani (Eds.), Hablar lenguas indígenas hoy: nuevos usos y nuevas formas de transmisión. Experiencias colaborativas en Corrientes, Chaco y Santiago del Estero (pp. 37-47). Biblos.
Rappaport, J. (2018). Rethinking the Meaning of Research in Collaborative Relationships. Collaborative Anthropologies, 9(1-2), 1-31. https://doi.org/10.1353/cla.2016.0009
Rivera Cusicanqui, S. (2004). El potencial epistemológico y teórico de la historia oral: de la lógica instrumental a la descolonización de la historia (1987). En Seminario de sociología de la imagen. Una visión desde la historia andina (pp. ?). Universidad Nacional Mayor de San Marcos.
Leyva Solano, Xochitl, Araceli Burguete & Shannon Speed (Coords.) (2008). Gobernar (en) la diversidad: experiencias indígenas desde América Latina. Hacia la investigación de co-labor. CIESAS, FLACSO Ecuador & FLACSO Guatemala.
Leyva Solano, Xochitl & Shannon Speed (2008). Hacia la investigación descolonizada: nuestra experiencia de co-labor. En Xochitl Leyva, Araceli Burguete y Shannon Speed (Coords), Gobernar (en) la diversidad: experiencias indígenas desde América Latina. Hacia la investigación de co-labor (pp. 65-107). CIESAS, FLACSO Ecuador & FLACSO Guatemala.