País Vasco

Procesos de transformación sociolingüística no contexto vasco: falantes, prácticas e axencia

Os novos falantes de éuscaro son un grupo estratéxico de cara á normalización da lingua vasca e á consolidación da sociedade vasca como comunidade bilingüe. Con todo, estudos anteriores mostraron que aprender a lingua non asegura que estes falantes a incorporen ás súas prácticas comunicativas diarias nin á participación activa na comunidade vasco falante. Isto é especialmente rechamante nas xeracións novas, as cales aprenderon o éuscaro na escola desde idade temperá; e é fonte de gran preocupación na sociedade vasca.

Estudos anteriores mostran unha complexidade de factores que inciden no uso reducido do éuscaro, pero, máis aló das poucas oportunidades de uso de moitos novos falantes que viven en contornas bastante ou moi castelan falantes, hai que destacar o baixo autoconcepto como bo falante de éuscaro que moitos teñen. A análise das raíces deste baixo autoconcepto revelou a existencia de todo un conxunto de ideoloxías que circulan na sociedade vasca acerca de quen é considerado falante lexítimo de éuscaro, ideoloxías en gran medida ligadas á variedade de lingua utilizada, á forza da dicotomía nativo/non-nativo, e aos perfís de falantes fixados socialmente e que mostran un desigual recoñecemento destes.

No entanto, tamén se observou que estas ideoloxías son cuestionadas por moitos novos falantes, quen senten falantes lexítimos e participan activamente e de maneira igualitaria en éuscaro nas oportunidades que se lles ofrece ou activamente buscan.

EquiLing-Basq pretende profundar nas prácticas concretas ás que as e os novos falantes de éuscaro recorren para ser, converterse e definirse como vasco falantes e o tipo de axencia e subxectividades que estas prácticas levan, para identificar os tipos de axencia máis proclives ao uso activo da lingua minoritaria. Esta análise axudaranos a sacar á luz tamén formas de cuestionar e resistir as ideoloxías lingüísticas dominantes que favorecen o uso da lingua maioritaria.

Para iso, proponse unha investigación-acción participativa (PAR) con dous grupos de novos falantes de éuscaro: estudantes universitarios en Bilbao e mozos e mozas en grupos de tempo libre. Utilízanse metodoloxías participativas, tomando comunidades epistemolóxicas ou de práctica como foco da análise e dando aos participantes a categoría de co-investigadores, para así promover procesos de reflexión individual e conxunta sobre as propias prácticas, a súa identidade lingüística e o tipo de axencia que queren exercer de cara ao uso da lingua minoritaria no seu día a día. Deste xeito, deseñaranse ferramentas participativas que axuden a aumentar a conciencia sociolingüística crítica destes mozos e mozas, e que informen o deseño de estratexias educativas transformadoras para acompañar ao alumnado no proceso de reflexión sobre a súa identidade e as súas prácticas lingüísticas. Preténdese unha transformación a nivel social, pero sen dúbida tamén atopar claves que permitan a estes mozos e mozas vivir o seu bilingüismo dunha maneira satisfactoria.

EquiLing-Basq achega así un marco teórico (tipos de axencia, ao redor dos tipos de falantes, speakerhood) e metodolóxico (PAR) novo no ámbito da sociolingüística vasca, á vez que fai seu o reto de axudar a avanzar na consolidación da sociedade vasca como sociedade bilingüe e igualitaria.

Estudamos prácticas ás que as e os novos falantes de éuscaro recorren para ser, converterse e definirse como vasco-falantes e o tipo de axencia e subxectividades que estas prácticas levan. Para iso, valerémonos dunha metodoloxía de investigación-acción participativa (PAR) con dous grupos de novos falantes de eúscaro: estudantes universitarios en Bilbao e mozos e mozas en grupos de tempo libre.

equiling.eus@deusto.eus

Número de referencia: Proyecto I+D, ref.  PID2019-105676RB-C42/AEI/10.13039/501100011033