El proyecto

Conciencia lingüística crítica e axencia dos falantes: investigación-acción para a igualdade sociolingüística

EquiLing presenta unha proposta teórica e metodolóxica nova coa que indagar como a investigación sociolingüística pode comprender en profundidade e actuar sobre os complexos procesos mediante os que as linguas crean, manteñen e reproducen as desigualdades presentes en todas as sociedades.

O proxecto aúna, así, dous propósitos: por unha banda, alcanzar un coñecemento profundo do papel da lingua na construción da desigualdade; por outro, explorar como os falantes, coa contribución da sociolingüística, poden reverter os procesos implicados nesta construción.

Para alcanzar estes dous propósitos e facer operativa a investigación, EquiLing deseñou tres obxectivos. O primeiro obxectivo consiste en construír un marco teórico innovador que aproveite a riqueza e diversidade das situacións sociolingüísticas de contornas bilingües como Cataluña, Galicia e o País Vasco, así como de Madrid. Para iso, EquiLing propón tres eixos conceptuais que articulan a multiplicidade de procesos sociais e sociolingüísticos, e conéctanos con outras formas de inequidade: (A) a distribución desigual dos recursos lingüísticos, (B) o recoñecemento desigual dos falantes, e (C) a participación desigual dos falantes na sociedade. Este marco teórico, engloba conceptos innovadores como: conciencia lingüística crítica, axencia de falante, modelos de falante mediados por ideoloxías lingüísticas, subxectividade e cidadanía lingüística.

O segundo obxectivo consiste en analizar con este desenvolvemento teórico as prácticas situadas e cotiás, e en detectar os potenciais de transformación nos distintos emprazamentos de investigación, que comprenden espazos educativos formais e informais que van desde as aulas de educación secundaria e superior até as asociacións estudantís e culturais, os movementos sociais e os programas de voluntariado lingüístico. Nestes emprazamentos do proxecto, tanto a reflexión como a acción levarán a cabo xunto cos participantes na investigación, que valorarán as oportunidades de cambio dispoñibles e participarán no deseño, a implementación e a avaliación dos resultados das accións transformadoras. Para iso, proponse un marco metodolóxico innovador que combina a etnografía multisituada en espazos formais e informais con estratexias de investigación colaborativas como o Participatory Action Research (PAR, segundo as súas siglas en inglés) e a creación de comunidades epistémicas.

Finalmente, o terceiro obxectivo consiste en proxectar os coñecementos teóricos e metodolóxicos en propostas operativas que no ámbito da educación lingüística poidan ser aplicados en e máis aló dos contextos sociais específicos da investigación, para promover a coexistencia armoniosa de prácticas lingüísticas, así como unha cidadanía lingüística inclusiva, que potencie o respecto dos falantes cara a si mesmos e cara aos demais e cristalice nunha orde sociolingüística máis igualitaria e inclusiva. Esta transformación resulta especialmente necesaria en España, onde a norma constitucional que insta a promover e protexer a diversidade lingüística desenvolveuse de maneira insuficiente, sobre todo (aínda que non unicamente) fóra das comunidades autónomas oficialmente bilingües. E responde, ademais, ao desafío de atopar solucións que contribúan ao desenvolvemento de sociedades máis innovadoras, inclusivas e responsables en Europa.

Co Proxecto EquiLing para a equidade lingüística e a xustiza sociolingüística, estudamos o papel da lingua na construción das desigualdades contemporáneas a través de etnografías participativas en distintos contextos sociolingüísticos. Fomentamos a ciencia cidadá e a participación paritaria nas institucións educativas en aras da xustiza sociolingüística. Emprendemos accións transformadoras con falantes de Catalunya, País Vasco, Galicia e Madrid para reverter a desigualdade mediada pola lingua.