Convertémonos en falantes interactuando con outras persoas e compartindo diferentes prácticas en grupo como parte dun proceso dinámico e continuo que se prolonga ao longo do noso ciclo vital. Estas actividades partilladas condicionan as prácticas lingüísticas de cada persoa, que acabará converténdose nun tipo de falante capaz de adaptarse a distintos contextos e circunstancias. Por iso, a noción de comunidade de práctica é unha das ferramentas máis útiles dispoñíbeis para analizar como se crean, manteñen ou modifican as distintas subxectividades dos e das falantes nas prácticas (colectivas) desenvolvidas no seu cotián. Un grupo de xoves que se xuntan para cantaren rap. Adolescentes adestrando e xogando a baloncesto. Adultos que ensaian entre semana e bailan todos os domingos na praza do seu barrio. Todos estes grupos son exemplos de comunidades de práctica. Grupos nos que interactúan as persoas e dos que xorden prácticas e ideoloxías lingüísticas, xa que nestes contextos a lingua non é un elemento independente, autónomo e/ou illado: a linguaxe aparece vinculada tanto á actividade concreta que se desenvolve no grupo como a toda a estrutura social.
Na investigación de EquiLing:
A comunidade de práctica pode ser moi útil desde o punto de vista teórico-conceptual e metodolóxico porque:
– Facilita o estudo dos e das falantes xa que, mediante prácticas concretas, podemos analizar as dinámicas (lingüísticas) que se crean entre as distintas persoas, o grupo e a estrutura social.
– Dado que a identidade non é algo fixo e o uso lingüístico é un proceso de aprendizaxe continua, a comunidade de práctica é un espazo moi axeitado para observar este proceso identitario e de construción lingüística.
– O modelo de comunidade de práctica asume a diversidade presente en calquera grupo. Tamén proporciona un marco de análise dinámico e cambiante que supón que as persoas poden participar en máis dunha comunidade ao mesmo tempo.
Para saberes máis:
Eckert, P & McConnell-Ginet, S. (1992). Think practically and look locally: Language and gender as community-based practice. Annual Review of Anthropology, 21(1), 461-488.
Eckert, P. (2006). Communities of Practice. In E. K Brown, R. E Asher, J. M. Y Simpson (Eds.), Encyclopedia of Language and Linguistics, Volume 2 (pp. 683-685). Elsevier.
Lave, J. & Wenger, E. (1991). Situated Learning. Legitimate Peripherial Participation. Cambridge University Press.
Holmes, J. & Meyerhoff, M. (1999). The Community of Practice: Theories and methodologies in language and gender research. Language in Society, 28, 173–183.